Unha vez executadas as actuacións previstas e analizados os datos conclúese que:
A produción media máxima de resina por piñeiro para un ancho de cara de 16 cm empregando o método de pica de casca obtívose na parcela de P. pinaster de Culleredo (3,2 kg/piñeiro) e a máis baixa, na parcela de P. pinaster de Mondoñedo (1,1 kg/piñeiro)
A máxima produción obtívose coa pasta salicílica e a máis baixa coa pasta Zeta tanto en P. pinaster como en P. radiata. En xeral, as producións foron maiores na segunda campaña de resinación (2021) que na primeira (2020)
As técnicas de microresinación emerxen como unha técnica rápida, versátil e áxil para labores de experimentación relacionadas ca produción de resina.
Nas mostras de resina obtida co método borehole, no que a resina se recolle en envase pechado, a porcentaxe de trementina é maior ca na resina recollida en pote, empregando o método tradicional de pica sobre casca.
O sistema de pica raión mecanizada resultou nun incremento no rendemento do traballo, reducindo o esforzo físico e resultando producións similares ás obtidas co método tradicional de pica sobre casca, se ben require dunha alta profesionalización da persoa resineira para evitar afeccións na madeira.