A pesar de que Galicia ten 217.281 ha de masas puras de piñeiro resineiro (Pinus pinaster Ait.), o aproveitamento da extracción da resina non ten tradición na rexión. Sen embargo, no ano 2008 prodúcese no mercado internacional unha subida de prezos deste bio-produto, o que propicia a reactivación deste aproveitamento en diferentes zonas resineiras españolas, basicamente en Castela e León. Este auxe impulsa un novo interese por coñecer as posibilidades resineiras da enorme superficie de piñeiral existente en Galicia.
Coincidindo co auxe da resina en España entre os anos 50-70 do pasado século, o antigo IFIE (Instituto Forestal de Investigacións e Experiencias) xa realizara algunha experiencia para adaptar e implantar este aproveitamento en Galicia. Os resultados preliminares indicaban que o modelo de resinación debería ser diferente ao establecido para o resto da Península, posto que, o monte galego posúe unhas particularidades ligadas a súa climatoloxía, orografía, vexetación arbustiva, densidade das árbores ou o seu tamaño de copa. Ademais, este aproveitamento podía entrar en conflito co madeireiro.
En relación a compatibilidade co aproveitamento madeireiro, xa nos ensaios do IFIE propoñían a resinación como un aproveitamento secundario e limitado aos 2-5 anos previos a corta final, é dicir, unha “resinación a morte” (resinar dende que a árbore alcance o tamaño mínimo ata a corta), posto que, a resinación practicada nos piñeirais de Castela é mais dificilmente compatible co aproveitamento de madeira de calidade.
Dende aqueles anos producíronse importantes avances tecnolóxicos no sector da extracción resineira, coa aparición de novos estimulantes e novos métodos de extracción. É importante avaliar a adaptación das técnicas tradicionais de pica de casca a Galicia utilizando estes novos estimulantes, e valorar se é posible maximizar a produción de resina aumentando o perímetro de incisión na árbore e diminuíndo o período de resinación.
Tamén é preciso coñecer as posibilidades de obter resina de maior calidade mediante novas técnicas de extracción sen ácidos inorgánicos e que minimizan as impurezas. Estas innovacións tecnolóxicas poderían xerar unha resina “Eco certificable” que serva para uso en compostos farmacéuticos e naturais. Sendo moitas as experiencias que hai que realizar para adecuar as técnicas de extracción de resina as condiciones ambientais e silviculturais galegas, sería altamente desexable dispor de métodos de avaliación rápidos e sinxelos da capacidade produtiva de resina. Os métodos de microresinación desenvolvidos pola MBG-CSIC poderían ser de gran utilidade para optimizar o rendemento de novas experimentacións.