Os beneficios que se pretenden lograr coa execución do presente traballo de innovación englóbanse en catro liñas estratéxicas:
Maior produción de resina co emprego da mellor técnica ou alternativa.

Optimizar para Galicia a época de resinación, o intervalo entre picas e a metodoloxía a empregar (número de caras ou perforacións a realizar, estimulante a empregar, etc.). Trátase de reducir os custos de produción e aumentar a produtividade, pero sempre dentro dun aproveitamento sostible que non descapitalice o piñeiro para o seu aproveitamento madeireiro.

A resina como un bio-produto dentro das novas correntes de apoio á bioeconomía.

Ante a previsión de lexislación europea mais restritiva co emprego de derivados do petróleo, os bio-produtos poden chegar a ter prezos elevados. Polo tanto, é necesario estar posicionado ou cando menos ter a coñecemento necesario para poder explotar este novo mercado. Ademais, existe a posibilidade dun produto coa etiqueta de “orgánico” ou “ecolóxico” si non se empregan estimulantes químicos ou si o estimulante é orgánico.

Incremento do beneficio das masas de piñeiro coa resina como un complemento ao aproveitamento madeireiro.

O prezo da madeira de piñeiro leva estancado varios anos e os propietarios forestais xa non ven as especies de piñeiro como unha alternativa rendible dentro dunha selvicultura activa. A posibilidade de obter unha renda complementaria podería incentivar o uso e aproveitamento dos piñeirais.

Xeración de postos de traballo, tanto para o aproveitamento da resina como para a posterior comercialización, e posibilidade nun futuro de realizar unha primeira transformación en Galicia.

Ademais, a presenza do resineiro no monte contribúe a unha maior vixilancia e a unha maior limpeza de matogueiras na zona de traballo. Pero para un aproveitamento sostible é necesario o emprego da técnica que resulte mais axeitada para Galicia, polo que se fai necesaria a transferencia o sector que se contempla no proxecto.